1322749105paleophonia

Exposición da historia da gravación na Coruña.

Santiago.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e o Concello da Coruña organizan conxuntamente a exposición “Paleophonía”, unha mostra que reúne a variedade de aparellos e formatos que permitiron a expansión de sons e melodías antes da entrada na era dixital. O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero; e a concelleira delegada de Cultura, Ana María Fernández Gómez, participaron hoxe no acto de apertura ao público da exposición, que se inaugura dentro da celebración do Ano da Música de Galicia pero que permanecerá no devandito espazo municipal ata o vindeiro 29 de xaneiro de 2012.

Comisariada polo musicólogo Luis Delgado, “Paleophonía” propón un percorrido pola historia da gravación e a reprodución sonora a través da variedade de enxeños e formatos (do cilindro de cera ao disco compacto, do fonógrafo ao radiocasete) que permitiron a expansión popular de sons e melodías. As preto de cen pezas expostas proceden na súa maioría de dúas coleccións particulares: a de Enresto Romero e a do propio Luis Delgado e Gema Ruiz.

No acto de apertura, Juan Carlos F. Fasero resaltou o valor dos obxectos reunidos en “Paleophonía” como “elementos fundamentais” para a transmisión de voces, sons e música e a súa achega “na construción de conceptos tan importantes como a identidade e a memoria tanto persoais como colectivas”.

Pode visitarse a partir de hoxe e ata o 29 de xaneiro, de luns a domingo, en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. Os únicos días de peche son o 24, 25 e 30 de decembro, así como o 1 de xaneiro.