O organista Guillermo Díez inaugura o ciclo de outono da cuarta edición do Compostela Organum Festival.
A igrexa das Ánimas acollerá hoxe Sabado 16 de Outubro este primeiro recital, formado por unha serie de propostas musicais englobadas baixo o suxestivo epígrafe de “Xogar á música”. Guillermo Díez realizou numerosas colaboracións noutros ámbitos, como a música para cine, publicidade en radio e programas de televisión, tratando a organoloxía e realizando faladoiros con algúns médicos sobre as patoloxías dos músicos. Compuxo varias obras, sobre todo de carácter relixioso. Leva mais de vinte anos como organista da Catedral de Burgos e traballa na súa tese doutoral sobre a evolución da escritura musical, paralela á da escritura da linguaxe.
Dividido en tres ciclos, o Compostela Organum Festival é unha iniciativa estreitamente vinculada aos órganos históricos da cidade, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Santiago. Está organizado polo Consorcio de Santiago, coa coordinación da Asociación Musical Berenguela e o apoio financeiro da S. A. de Xestión do Xacobeo, que decidiu incluílo na súa programación xeral para este Ano Santo.
Grazas a esta iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vinculado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se aúnan escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai deles auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen. Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no disfrute do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade, como os de San Paio, San Miguel ou as Ánimas.
Os vindeiros concertos terán lugar de novo na igrexa das Ánimas (23 de outubro) e na igrexa da Universidade (30 de outubro).
DÍA: Sábado 16 de outubro de 2010
HORA: 20:30 horas
LUGAR: Igrexa das Ánimas (Santiago de Compostela)