Presentan unha publicación que descubre o traballo de compositor de Arriola, coñecido ata agora só pola súa faceta de pianista. Ademais programouse un concerto extraordinario e a gravación dun disco por parte da Real Filharmonía de Galicia.
José Rodríguez Carballeira (1895-1954), máis coñecido como Pepito Arriola, foi un recoñecido pianista de orixe ferrolá, pero cuxa vida transcorreu principalmente fóra de Galicia. Famoso pola súa condición de neno prodixio que ofrecía concertos dende os 4 anos de idade, tivo como mecenas á familia real e a propia raíña María Cristina sufragou os gastos dos estudos musicais de Arriola en Alemaña. Alí estuda no conservatorio de Berlín con Richard Strauss e toca coa Filharmónica desa cidade baixo a dirección de Nikisch. Continúa a desenvolver o seu traballo artístico e chegou a ser pianista do último káiser, Guillermo II. Dende alí deu o salto aos Estados Unidos, onde ofreceu concertos nas principais salas, como o Carnegie Hall de Nova York, e realizou unha extensa xira por Cuba en 1910. En paralelo á súa faceta de pianista desenvolveu unha labor de compositor, bastante descoñecida ata hoxe. Os estudosos sospeitan que o groso do seu traballo como compositor perdeuse durante os bombardeos de Berlín durante a Segunda Guerra Mundial. Hoxe, e grazas ao traballo conxunto de persoas como Ramón Castromil ou Luís Mera e a Ruth Maltzanh, filla de Arriola, localizáronse diferentes partituras que agoran ven a luz editadas de forma conxunta.
Neste sentido, dende o Consello da Cultura Galega e o Consorcio de Santiago decidiuse recuperar a obra de Arriola, coa publicación dalgunhas destas partituras inéditas e coa gravación dun disco cos esas pezas, pola Real Filharmonía de Galicia, con Maximino Zumalave como director.
Ademais da publicación, o proxecto de recuperación da obra de Arriola inclúe a celebración dun concerto extraordinario no Auditorio de Galicia a cargo da Real Filharmonía de Galicia, o mércores 16 de xuño, ás 21:00h. O programa está formado por dúas pezas escritas para piano e orquestra: Divertimento concertante, para dúo de pianos, cos irmáns Víctor e Luís del Valle como solistas e Concertino para piano e orquestra, con Joaquín Soriano como solista.
Ao día seguinte do concerto iniciarán as xornadas de gravación do disco dedicado a Arriola, coa Real Filharmonía de Galicia e Maximino Zumalave. Ademais das obras compostas para piano, o disco incluirá Seis poesías de Antonio Machado, con Javier Franco como barítono, e Tres textos cervantinos, coa soprano Carmen Durán, a contralto Ainhoa Zubillaga e o barítono Francisco Santiago.
Con este traballo, a figura de Arriola redescúbrese, non só como un precoz e extraordinario pianista, senón tamén como un dos mellores compositores galegos do século XX.