Entre o 17 e o 22 de agosto catro igrexas históricas e a Catedral de Santiago acollerán novas citas co mellor da música de órgano. Os concertos do pasado ciclo de primavera tiveron unha moi boa acollida entre o público, que encheu as igrexas do casco antigo.
De novo en agosto varias igrexas da cidade histórica de Santiago acollerán a cuarta edición do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio de Santiago e coa coordinación da Asociación Musical Berenguela. Este ano o festival conta co apoio financeiro da S. A. de Xestión do Xacobeo, que decidiu incluílo na súa programación xeral para este Ano Santo. Trátase dunha iniciativa estreitamente vinculada ao patrimonio relixioso da cidade e á revitalización dos órganos destes templos, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Santiago. O Compostela Organum Festival, tralo éxito dos concertos celebrados no mes de maio, seguirá a partir do 17 de agosto co ciclo de verán, como unha forma de dinamizar o patrimonio histórico de Compostela, sobre todo nunhas datas nas que Santiago é meta para moitos visitantes.
En concreto serán a Catedral e as igrexas das Ánimas, San Paio de Antealtares, San Miguel dos Agros e Santa Clara os escenarios dos diferentes concertos, entre o 17 e o 22 de agosto. Neses días estarán na capital de Galicia organistas da talla de Juan de la Rubia, Marco Brescia (que actuará acompañado da súa irmá, a soprano Rosana Brescia) e Konstantin Volostnov. Tamén acompañarán aos organistas as agrupacións musicais Capela Compostelana e Capela de Extravagantes.
Estes concertos queren ser unha lembranza á vocación universal de Santiago e do seu Camiño. Así, os programas inclúen tanto motetes dedicados ao Apóstolo Santiago como composicións representativas de diferentes tradicións musicais europeas. O caso do dúo formado por Marco e Rosana Brescia, brasileiros dedicados á música antiga, recorda os estreitos lazos que unen Portugal, Brasil e Galicia. Por último, as vésperas da Virxe, que no convento de San Paio pecharán o ciclo, descubren un repertorio único no mundo: polifonía española clásica escrita especificamente para voces de mulleres. O libro que contén esta música data de 1633 e foi descuberto e estudado por Aguirre Rincón en 1998 en Carrión de los Condes, en pleno Camiño de Santiago. A súa música, reconstruída minuciosamente por Viana Cadenas, será testemuña de como se interpretaba a liturxia das horas nos conventos femininos do século XVII.
Grazas a esta iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vinculado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se aúnan escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai deles auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen. Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no disfrute do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade, como os de San Paio, San Miguel ou as Ánimas.
COMPOSTELA ORGANUM FESTIVAL
Ciclo de verán
Santiago de Compostela 2010
Martes 17 de agosto
CAPELA COMPOSTELANA Dirección: Miro Moreira
Igrexa das Ánimas, 20:30h.
Mércores 18 de agosto
JUAN DE LA RUBIA, órgano
Igrexa de Santa Clara, 21.00h.
Xoves 19 de agosto
MARCO BRESCIA, órgano / ROSANA BRESCIA, soprano
Igrexa de San Miguel dos Agros, 20:30h.
Venres 20 de agosto
KONSTANTIN VOLOSTNOV, órgano
Catedral de Santiago, 21:00h.
Domingo 22 de agosto
CAPILLA DE EXTRAVAGANTES Dirección: Bruno Forst
Igrexa de San Paio de Antealtares, 20:30h.