Paul Daniel será o novo director titular da Real Filharmonía de Galicia.
Esta mañá, o Alcalde e Presidente do Consorcio de Santiago, Gerardo Conde Roa, fixo pública a decisión de nomear ao británico Paul Daniel director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2013. Sucederá no posto ao mestre Antoni Ros Marbà, titular da Filharmonía dende o ano 2000. Paul Daniel está vinculado á orquestra galega como principal director convidado dende 2007. Ademais, Paul Daniel asumirá a dirección da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, centro docente unido á Real Filharmonía.
Na comparecencia pública, Paul Daniel, que comezou a súa intervención cunhas palabras de agradecemento en galego, destacou o seu entusiasmo á hora de asumir a dirección da Real Filharmonía, e sinalou o seu compromiso de seguir traballando para levar a música da orquesta a cada vez máis persoas. Tamén amosou a súa admiración pola cidade de Santiago, que, a pesares do seu tamaño, ten na cultura un dos seus eixos vertebradores.
Actualmente, Paul Daniel ocupa o posto de principal director e conselleiro artístico da Australian Symphony Orchestra de Perth dende 2009. Ademais, foi director musical da English National Opera, de 1997 a 2005, da Opera Factory, do 1987 ao 1990, e da Opera North, do 1990 ao 1997. Tamén foi director invitado das máis destacadas orquestras do mundo. Mentres foi director principal da English Northern Philharmonia, a orquestra de Opera North, dirixiu numerosos concertos por todo o Reino Unido, e tamén levou á orquestra a participar en moitos festivais.
A súa gravación da Sinfonía núm.3 de Elgar/Payne, coa Bournemouth Symphony Orchestra, foi un dos álbumes de música clásica máis vendidos no 2000. Nestas últimas temporadas, Chandos puxo en circulación Dialogues des Carmélites, Falstaff e Wozzeck. Entre outras gravacións postas recentemente ao alcance do público inclúese Belshazzar’s Feast, do selo Naxos.
Das súas próximas actuacións en concerto, á parte dos seus concertos coa West Australian Symphony Orchestra, conta coas da Orchestre National Bodeaux Aquitaine, Hamburg Philharmonic, Tapiola Symphony e a Gurzenich Orchestra Cologne.
En febreiro de 1998, Paul Daniel foi galardoado co premio Olivier pola súa extraordinaria aportación á ópera e, en 1999, cun premio Gramophone pola súa serie sobre música inglesa gravada coa discográfica Naxos. Nos New Year’s Honours do ano 2000, foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.
A Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais están xestionadas polo Consorcio de Santiago, que as financia. Ambas forman un único proxecto, no que os músicos da orquesta son profesores da escola. A Real Filharmonía de Galicia nace en 1996. O seu primeiro director titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà. A orquestra ofrece a súa temporada estable de concertos no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. No que respecta á Escola de Altos Estudos Musicais, dende o pasado ano 2011, imparte o Curso Avanzado de Práctica Orquestral, no que 17 alumnos reciben clases de preparación. O curso está recoñecido oficialmente como estudo de posgrao, con título propio expedido pola Universidade de Santiago