Musigalizando2010

Como xa ven sendo habitual ano a ano, vai ter lugar o campamento musical Musigalizando 2010.

A Asociación Cultural-Musical Solfa, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia organizan co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e coa colaboración do Concello de Santiago o cuarto campamento Musical en Gandarío, que se desenvolve na semana do 22 ao 28 de xuño co nome de Musigalizando.

Esta iniciativa naceu coa intención de xuntar rapaces, rapazas, mozos e mozas de distintas agrupacións ou bandas que teñen unha afección común: a música. Musigalizando desenvólvese ao longo de varios meses, nos que as respectivas agrupacións traballan o repertorio por separado para finalmente unirse todos, os 140 compoñentes do Grupo Instrumental de Solfa, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e ensaiar conxuntamente ademais de gozar duns días de convivencia e formación. Un ano máis como agrupacións musicais convidadas tamén participan en Musigalizando a Banda Infantil de Meza e a Banda de Música de Arca.

Esta reunión verase culminada coa formación de dúas grandes bandas, a Banda Xuvenil e a Banda Sinfónica. O concerto final será o día 27 de xuño ás 20:30 h. na Praza da Quintana en Compostela.