Ros Marbà, acompañado polo Coro de RTVE, dirixe o último concerto da temporada 2009/2010 que terá como protagonistas as zarzuelas La Gran Vía e Bohemios.
Hoxe venres 4 de xuño, ás nove da noite, o Auditorio de Galicia acolle o concerto peche de temporada da Real Filharmonía. Para a ocasión o mestre titular Antoni Ros Marbá preparou un monográfico dedicado á zarzuela, coa execución musical de La Gran Vía, de Federico Chueca e Joaquín Valverde, e Bohemios, de Amadeu Vives. Como solistas actuarán algúns dos mellores intérpretes españois de zarzuela, entre eles Milagros Martín, recoñecida soprano, que, entre outras pezas, interpretará o popular “Tango de la Menegilda”, de La Gran Vía. Precisamente neste 2010 estase a celebrar o centenario desta emblemática rúa madrileña.
Xunto a Milagros Martín tamén actuarán como solistas a soprano Raquel Lojendio, o tenor Vicente Ombuena e o barítono Alfredo García.
O Coro de RTVE, foi fundado en 1950 co nome de “Los Cantores Clásicos” e foi dirixido por Roberto Plá ata 1952, en que se transforma en “Coro de Radio Nacional”, baixo a dirección de Odón Alonso ata 1958. Posteriormente foron titulares Alberto Blancafort, Pedro Pírfano, Pascual Ortega, Jordi Casas, Miguel Amantegui, de novo Alberto Blancafort como Director Invitado, Laszlo Heltay, Mariano Alfonso e, na actualidade, Josep Vila.
Está considerado como un dos mellores conxuntos corais de España e a súa labor no campo da polifonía ibérica profana e relixiosa non ten parangón. Tamén no seu repertorio figuran numerosas obras contemporáneas de compositores nacionais e estranxeiros.
Toda a información do concerto e as notas ao programa, escritas para a ocasión por Antón de Santiago, pódese descargar das webs do Auditorio de Galicia (auditoriodegalicia.org) e da Real Filharmonía (rfgalicia.org).
PROGRAMA
Venres 4 de xuño de 2010, 21h. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Real Filharmonía de Galicia
Antoni Ros Marbà, director
Milagros Martín, soprano
Raquel Lojendio, soprano
Vicente Ombuena, tenor
Alfredo García, barítono
Coro de RTVE
F. Chueca e J. Valverde, La Gran Vía
A. Vives, Bohemios
Prezo: 14 euros (50% de desconto para estudantes e xubilados)