MarielladeviaA soprano italiana Mariella Devia e o tenor español Celso Albelo actuarán en Pontevedra como parella vocal por primeira vez.

O Centro Social Caixanova de Pontevedra será o escenario no que mañá, sábado 19 de xuño, a soprano Mariella Devia e o tenor Celso Albelo actuarán por primeira vez en Galicia como parella vocal. O concerto, incluído no apartado de Grandes Voces do ciclo Xacobeo Classics, comezará ás 20.30 horas.

Nesta actuación, a raíña actual das sopranos belcantistas, a italiana Mariella Devia, súmase ao derradeiro dos grandes descubrimentos entre os tenores españois, Celso Albelo, para ofrecer un recital no que se poderán escoitar algunhas das páxinas más fermosas de compositores do século XIX. Ao piano estará Ruben Fernández Aguirre e no repertorio inclúense arias e dúos de óperas de Bellini, Donizetti ou Verdi.

Devia e Albelo xa teñen actuado xuntos, protagonizando unhas aclamadas funcións de Maria Stuarda en Italia, pero nunca ata agora se presentaran como parella vocal en España. Albelo regresa a Galicia, onde o pasado verán obtivo un grande éxito con I Puritani de Bellini, antes de cantar La sonámbula, un título que xa interpretara xunto a Cecilia Bartoli, no seu debut no Covent Garden de Londres. Devia é unha habitual de todas as grandes casas de ópera, e as súas interpretacións son un reflexo modélico do que debera ser o estilo belcantista, preservado nas súas máis depuradas esencias.

Soprano de recoñecido prestixio internacional, tanto en ópera como en concerto, Mariella Devia pode presumir dunha brillante carreira no bel canto, cun repertorio de Mozart e de Verdi co que percorreu os auditorios e teatros de ópera máis importantes do mundo.

Pola súa banda, Celso Albelo converteuse en moi pouco tempo nun dos tenores máis reclamados polos principais teatros. Despois de actuar na Ópera de O Cairo e ofrecer concertos na República Dominicana, Holanda, Bélxica e EE.UU., actuou no Festival de Ópera de A Coruña, onde no ano 2006 inaugurou a temporada cun recital xunto á soprano Stefania Bonfadelli.