P1010314Historia do himno Galego – Selección de textos  do fabuloso  libro:

Os Símbolos de Galicia / edición ao coidado de Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Villares. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega ; A Coruña : Real Academia Galega, 2007. O Himno. Historia, Texto e Música: Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña.

Antecedentes:

O actual Himno Galego oficial, nacido en 1890 e definitivamente institucionalizado en 1984, ten unha longa historia que se estende durante máis dun século, dende que o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga o creasen no Certame Musical convocado para tal efecto
O proceso de consolidación do actual himno oficial  non foi fácil e nin sequera foi a única proposta dun himno para Galiza.Certamente, desde os inicios do século xa se contaba co denominado «Himno da Guerra de Independencia» ou «Himno do Batallón de Literarios», xurdido na contenda bélica contra os franceses en 1808. Tamén se debe ter en conta que Marcial del Adalid compuxera varios himnos orquestrais, entre eles a «Marcha triunfal Galicia» (1881), O certo é que, con motivo da Exposición Rexional celebrada en Pontevedra en 1880, pola recentemente constituída ‘Sociedad de Juegos Florales’ foi convocado un premio para un «Himno á Galicia en dialecto del país», o texto premiado en Pontevedra foi  o do autor Pontevedrés Andrés Muruais (1851- 1882), cun accésit a Francisco María de  la Iglesia (1827-1897); o certame musical sobre o coro e as dúas primeiras estrofas do himno de Andrés Muruais, que será gañado polo músico de Noia Felipe Paz Carbajal.
Cronoloxicamente, a proposta do himno  de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, finalmente consolidada a partir do Certame Musical de 1890, foi a seguinte, mais non a derradeira, porque tres anos despois, en abril de 1893, o prolífico autor Galo Salinas (1852-1926) compuxo na Coruña o poema «¡Galicia! Hino Popular Rexional», musicado neste mesmo ano polo compositor Varela Silvari (1848-1926).
Avanzándomos , a data de 1907 resulta sorprendente porque, sendo o ano da estrea na Habana do futuro himno oficial galego, tamén é a data en que documentamos varias composicións que co título de «Himno Galego» ou «Himno a Galicia» foron escritas para o Álbum Literario que ía publicar a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega da Habana, na cal participa activamente Xosé Fontenla Leal, o futuro ‘oficializador’ do himno de Pondal e Veiga.
Finalmente, débese ter en conta que tamén existe a denominada «Marcha do Antigo Reino de Galiza», citada na disposición adicional cuarta da Lei de símbolos de 1984. Esta marcha, de orixe incerta, ten un ar solemne e procesional, tal vez foi composta para actos cívico-relixiosos, aínda que nos últimos tempos ultrapasa ese ámbito para se converter nunha especie de marcha patriótica que coexiste, con menor rango, co Himno oficial. Segundo Filgueira Valverde, que era posuidor dunha copia en 1924, «a melodía da “Marcha” aprendéralla un famoso gaiteiro cruñés ó vello Lugrís Freire. Anotouna e fixo unha harmonización a pianista Pilar Castillo. Á parte desta partitura, Manuel Lugrís Freire era posuidor doutra co título «Antiga Marcha Real de Galicia», harmonizada para piano, que lle fora doada polo músico Mauricio Farto Parra (1867-1947). E, por outra parte, a «Marcha del antiguo Reino de Galicia de Chirimías», pertencente ao repertorio do músico lucense Vicente Latorre, pode deitar luz sobre a antigüidade desta melodía, que era escoitada en Lugo con motivo da ofrenda que as sete capitais do Reino de Galiza facían na Catedral.

Nacemento do Himno

No ano 1889, o ‘Orfeón Coruñés Número 4’, creado, presidido e dirixido por Pascual Veiga, consegue un dos maiores triunfos orfeónicos galegos: o premio no Certame da Exposición Universal de París dese ano. Tal vez por iso, e mais pola súa traxectoria e importancia na cidade herculina, no ano seguinte, en 1890, a comisión de festexos da Coruña encarga a este Orfeón que organice os actos musicais das festas, para contribuír ao esplendor festivo da cidade. É por iso que o Orfeón decide organizar dous eventos, un Certame Musical e mais un Certame de Gaitas, Murgas e Flautas de Aldea, que rematesen nun gran Festival que tería lugar na antiga Praza de Touros coruñesa. Segundo o Prospecto do Certame Musica (datado o 22 de maio de 1890), o concurso con Pascual Veiga como presidente e Francisco Tettamancy como primeiro secretario, componse de dúas partes: un apartado de composición e outro de execución. No de composición, un dos premios vai corresponder á mellor «marcha regional gallega» escrita para orfeón sobre o texto Os Pinos de Pondal:
Para a «Marcha Rexional Galega», Pascual Veiga pensou na figura máis sobranceira, na altura de 1890, do mundo da creación poética galega: Eduardo Pondal.
O conxunto de todas as redaccións previas anteriores ao envío da primeira versión a Pascual Veiga, que aínda despois foi modificada por indicación do músico antes da súa definitiva publicación no Prospecto do Certame Musical, mostra a existencia de catro redaccións sucesivas, confirmadas polas diversas medidas das papeletas, a teor dos materiais conservados na Academia e queforon progresivamente recuperados entre os anos 1995 e 2003.
Certamente, este proceso de corrección rítmico-estilística e textual despois das indicacións rítmicas de Pascual Veiga ocupou pouco tempo, pois nunha carta autógrafa datada no día 22 de abril, desde A Coruña, Pascual Veiga xa felicita a Pondal polo poema, agora na súa versión final:
A organización do Certame tiña previsto que, como remate do gran festival, todas as colectividades musicais (orfeóns, bandas militares) interpretasen conxuntamente a obra que gañase o premio da «Marcha Rexional Galega» e, no caso de que ningunha obtivese tal distinción, sería executada a que, expresamente para este acto e con enteira obediencia ás bases, compuxera o maestro Veiga, que, como presidente da Comisión do Certame, non podía presentarse ao concurso.
O día 30 de agosto no ‘Coliseo de San Jorge’ da Coruña ten lugar a primeira parte do Certame musical en que se dan a coñecer os gañadores do concurso de composición. Abertas as plicas correspondentes, recae o primeiro premio no catalán Ivo Gotós, músico maior da Armada de Instrucción que na altura tiña a súa base en Ferrol, correspondéndolle o accésit ao vigués Francisco R. Núñez
Mais a música gañadora non foi interpretada. As explicacións poden ser varias: pouco tempo para preparar a partitura premiada (tal vez o veredicto foi tardío), que Pascual Veiga non considerase a obra vencedora merecente de tan alta honra ou quen sabe! o interese de Veiga por preservar o «seu» himno para o futuro, que xa ensaiara previamente.

A  oficialización

A partir de 1890, en que o texto poético é publicado oficialmente  e a futura música veiguiana do Himno estaba composta (coa música gañadora no esquecemento), entramos nun período en que existen escasas noticias sobre a interpretación e circulación do himno pondaliano no país antes da súa «oficialización» na Habana en 1907. Seguramente tivo algo que ver o feito de que Pascual Veiga marchase de Galiza, ao ser nomeado, en 1892, profesor da Escola Nacional de Música en Madrid, onde, con seguranza, o Himno foi interpretado. Así o demostra a afirmación de Francisco Luís López, secretario do orfeón do Centro Galego de Madrid, dirixido por Pascual Veiga, con motivo da viaxe da agrupación a Lugo para participar no certame orfeónico celebrado o 12 de setembro de 1896. O devandito secretario, no día 17 de decembro, dirixe un comunicado ao director do diario lugués El Regional para se defender dos ataques recibidos en diversas instancias. Na realidade, este dato é a única información verdadeiramente obxectiva e fiábel da que dispomos até 1907, ano en que, desde A Habana, o emigrante e activista galego Xosé Fontenla Leal (1865-1919), se dirixe a Pascual Veiga para lle solicitar unha copia da música do poema Os Pinos, composta, lembremos, en 1890, e se converte deste xeito no verdadeiro promotor da consolidación e ‘oficialización’ do Himno no seo da comunidade galega en Cuba e mais no seu Centro Galego, de onde se difundiu a Galiza. Efectivamente, Pascual Veiga debeu enviarlle unha copia da partitura de 1890, uns días antes da súa morte,

Recibida por Fontenla a carta (coa copia da partitura), morre Pascual Veiga  en Madrid o día 12 de xullo de 1906 e xorde a iniciativa en Bos Aires de lle facer unha homenaxe para conseguir financiamento para o traslado dos seus restos mortais a Mondoñedo. Esta idea é tamén acollida na Habana, a través da organización dunha «Velada Artístico Literaria» no gran Teatro do Centro Galego, onde será solemnemente interpretado o Himno, que, na altura, era considerado como obra inédita, por descoñeceren os seus promotores as anteriores interpretacións da súa música. Deste xeito, o Himno de Pondal e Veiga soa pública e oficialmente o día 20 de decembro de 1907, executado pola Banda Municipal da Habana, baixo a batuta do seu director, o mestre Guillermo M. Tomás (1868-1933), importante figura da música na illa, moi vinculado ao Centro Galego. Un ano despois, en 1908, o himno de Pondal e Veiga é declarado oficial en todas as festas do Centro Galego da Habana, por iniciativa, máis unha vez, de Xosé Fontenla.

Expansión do himno

Para a expansión do Himno en Galiza a partir da ‘oficialización’ na emigración galega en Cuba, é fundamental a aparición do libro “Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana”, publicado en 1909, onde se recolle e se difunde por vez primeira en texto impreso  a partitura de Veiga, que, xuntamente co texto pondaliano, vai ser propagada a todas as publicacións de Galiza e mais ás restantes comunidades emigrantes. Esta publicación recolle o texto completo do poema Os Pinos, isto é, as nove estrofas publicadas no Prospecto do Certame Musical (con erros lingüístico-interpretativos importantes), xunto coa partitura (cunha coidada presentación e cun fermoso encabezamento realizado por Fontenla, cuxo orixinal está depositado na Academia Galega) para tenores primeiros e segundos e baixos, con acompañamento de piano ou para piano só; ademais, inclúese a biografía e a fotografía dos principais actores da estrea: Pascual Veiga, Eduardo Pondal e Guillermo Tomás, o director da banda municipal que interpretou o Himno na velada en honra de Pascual Veiga en decembro de 1907

Mais a partitura do Himno, para alén da editada nos Apuntes de 1909, chegou a Galiza tamén por outros medios, como mostra que unha versión fose recibida por José María Salgueiro, que fora organizador da velada celebrada na Habana en honra de Pascual Veiga en 1907, nun envío feito desde a capital cubana. A partitura «para banda, voces y piano» foi pedida expresamente para ser executada cando viñesen os restos de Pascual Veiga e a partir de aquí difundida directamente entre as bandas musicais. Deste modo, con ocasión da translación dos restos de Veiga a Mondoñedo, o día 17 de setembro de 1912, o Himno será interpretado xa dun modo explícito e público en territorio galego, como mostra o seguimento da prensa, que vai dando noticias case diarias sobre os ensaios («Dicen de Mondoñedo que los ensayos del Orfeón continúan con gran actividad, hallándose ya bien ensayado el viril himno gallego, del insigne maestro Veiga»), e anúnciase, finalmente, que (El orfeón que ha de cantar ante los restos del maestro, tiene ya matizado el Himno á Galicia y ensaya otras enxebres composiciones)

Así se pode documentar, como exemplo na historia do coro ferrolán ‘Toxos e Froles’ (fundado en 1914), que, desde a súa presentación pública en 1915, terá numerosísimas actuacións dentro e fóra de Galiza cerradas co himno, podéndose computar cerca de cen interpretacións rexistradas entre 1916 e 1936. E non de menor importancia son as primeiras gravacións do himno en disco en 1918 (‘Cántigas e ATuruxos’ de Lugo), 1921 (‘Cántigas da Terra’) e 1922 (‘Toxos e Froles’, feito que multiplicará a súa difusión a través das emisoras radiofónicas, tanto en Galiza como na emigración. A modo de exemplo, a presentación pública do coro ‘Cántigas da Terra’ ,dirixido por Mauricio Farto, iníciase e cérrase co Himno Galego; será comentada a súa actuación en termos musicais xa que, na crónica do redactor, non se dubida en propoñer a supresión dos matices indicados na partitura para unha máis fácil popularización desta.
P1010316

Durante o período franquista, ata a etapa de aperturismo, só se cantaba, ao mais, nos actos culturais e como unha canción máis dentro do folclore galego. Dende a década dos 60, comenza a interpretarse de modo máis explícito.

En 1975, namentres tiñan lugar os actos folclóricos na festa del Apóstolo, a xente comezou a se levantar namentres o himno soaba. Ao año seguinte instaurouse esta costume de modo definitivo na Praza da Quintana, ratificado tamén polas autoridades asistentes.

E en 1984 o Parlamento galego aproba unanimente a Lei de símbolos, do 5 de maio de 1984, que estabelece a definitiva oficialidade do Himno Galego de Eduardo Pondal e Pascual Veiga.

Por conseguinte, o texto do Himno, tal como é recollido na Lei de símbolos, corresponde ás catro primeiras estrofas de Os Pinos, consagrando a práctica histórica maioritaria a partir de 1890.

Partituras, arranxos etc.

A partitura que aparece xa explicitamente baixo o título de Himno Regional Gallego, abandonando a denominación de marcha rexional con que coexistía, escrita en compás de 4 por 4, na tonalidade de sol maior, para tenores primeiros, segundos e baixos, con acompañamento de piano ou piano só, carece de indicación metronómica de tempo, mais o seu carácter é cualificado como «aire marcial». Comeza o himno cunha introdución instrumental (piano) de oito compases introdución, por tanto, allea á partitura composta para o certame de 1890 e, a seguir, o himno propiamente dito, escrito sobre as dúas primeiras oitavas do texto pondaliano, nun esquema que se repetirá cada dezaseis versos (nos Apuntes reprodúcense as nove estrofas do texto, baixo o título d’ Os pinos, co subtí-tulo de Himno Rexional Gallego), para rematar cunha coda instrumental de seis compases.
A lectura da partitura  escrita para orfeón e piano, presenta algúns problemas interpretativos que ao longo do tempo foron encontrando diferentes solucións e que nalgún caso ficaron sen resolver na actual partitura oficial publicada na Lei de Símbolos (Lei 5/1984), que ten como base os orixinais realizados por Xosé Fontenla Leal para a impresión das pranchas dos Apuntes e que serán reproducidos no Proxecto de lei de símbolos no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Así, na partitura  editada na Habana non se especifica o momento xusto da repetición da música, pois carece da dobre barra indicativa, extremo que, con contadas excepcións, nunca significou un«especial» problema interpretativo. Este erro, que pasou desapercibido nos primeiros estudos da tramitación da Lei, quedará finalmente resolvido na partitura oficial (orfeón/piano) inserida na Lei de símbolos.Tampouco fica aclarado convenientemente na Lei se na versión coral do himno a introducción instrumental debe ser suprimida, como parece o lóxico, ou se se pode cantar a boca cerrada, como adoitan facer os nosos coros nas súas interpretacións artísticas.Así mesmo, a partitura dos Apuntes, aínda tendo coda instrumental, carece de coda vocal final, polo que, cando se interpreta coralmente, sen acompañamento, é necesario recorrer a unha coda cantada, deficiencia resolvida na partitura institucionalizada na Lei de símbolos, da mesma maneira que, con diferentes solucións, xa se viña facendo tradicionalmente e que ten como base a coda instrumental e, no texto, os versos «Fogar de Breogán»  /«Nazón de Breogán».

Composto na tonalidade de sol maior, dada a súa extensión vocal, o noso himno, escrito orixinalmente para tenores primeiros, segundos e baixos, resulta por veces difícil de cantar cando os intérpretes, na maioría das ocasións–non teñen condicións para o canto, feito que tampouco abordou o lexislador nunha Lei que debería ser máis explícita. Ademais da fixación do tempo (velocidade con que a obra ten que se interpretar) por medio do metrónomo (requisito que aínda recortando a liberdade artística parece «esixíbel» por se tratar dunha partitura correspondente a un texto normativo), debería contemplar a necesidade da canonización de versións para as diferentes formacións musicais: sería conveniente e recomendábel, cando menos, versións oficiais de partituras para coro (a capella, con arranxo vocal da introdución, se é o caso, e da coda final), orquestra (con e sen coro), banda (con e sen coro), gaita(s) e mais para piano e voz. Na realidade, xa desde1931 é sentida esta necesidade de unificación, estandarización e institucionalización da execución

A composición de Veiga foi estreada, como xa se dixo, no Gran Teatro Nacional da Habana pola Banda Municipal baixo a dirección de Guillermo M. Tomás o día 20 de decembro de 1907, sendo o arranxo para Gran Banda Militar do músico daquela agrupación Ramón López Ejea. Tamén, e asinada naquela cidade no día 16 de decembro de 1907, posuexe outra transcrición da partitura do «Imno Regional Gallego, del Mtro. Veiga, Instrumentada por Martín Menéndez. Propiedad do Centro Gallego, arranxo e instrumentación para banda militar, que leva o selo a tinta da Banda Municipal de Música da Habana, curiosa obra en que non figuran nin a introdución nin a coda de Veiga, que é substituída pola do arranxador.

Non existindo durante moitos anos edición impresa do himno, a excepción da realizada na Habana, a súa partitura transmitirase a través de copias manuscritas e fixéronse transcricións e arranxos desta segundo as necesidades. Vai ser Ildefonso Alier, Editores de Música, de Madrid, quen vai editar a partitura, baixo o título de Himno Rexional Gallego, letra de Eduardo Poudal  e música de J. A. Veiga.

Os últimos traballos de orquestración e arranxos, debesmosllo o decano dos compositores galegos Rogelio Groba.

Anécdota

José Adolfo Veiga Paradís, sobriño de Pascual Veiga, rexistra a o seu nome a partitura do Himno en 1926, razón que explica os violentos ataques de que é obxecto pola usurpación da autoría do símbolo da Patria .A partitura rexistrada aparece musicalmente revisada e depurada dos  erros dos Apuntes de 1909 (falta de dobre barra de repetición e de coda vocal), aínda que contén numerosísimas grallas tipográficas nos seus trinta e dous versos de texto.

As imaxes do artigo son dunha publicación impresa en Montevideo nos anos 50, pertencente á Biblioteca de Alejo Amoedo.

Este artigo está redactado integramente por Alejo Amoedo, a quen lle damos o noso sinceiro agradecemento pola labor desinteresada ó escribir este gran traballo para Seis por Oito.