Dimite o actual presidente da asociación que xestiona, entre outras actividades, a Banda de Música de Salcedo. O pasado sábado 23 de outubro a Asociación celebrou unha Asemblea xeral extraordinaria na cal o seu presidente, Pablo Fernández López, comunicou aos socios a súa renuncia como Presidente e directivo, alegando motivos persoais. No seu lugar, e como Presidente en funcións ata as seguintes eleccións en xaneiro-febreiro do 2011, ocupará o cargo J. Javier Aperador Prieto, ata agora vicepresidente.
Na Asemblea tamén se trataron temas de sumo interese para esta Asociación: Informouse do estado do proceso de contratación do novo Director, estado de contas, próximas actuacións de Santa Cecilia e Nadal, entre outros temas. Finalmente expúxose a grave situación de espazos que sofre esta Asociación, a cal dificulta o crecemento da súa escola e banda, o que obrigará a buscar solucións a curto prazo, á espera da execución da futura Casa de Cultura de Salcedo.