A Escola de Altos Estudos Musicais abre o prazo de inscrición para o Curso Avanzado de Especialización Orquestral 2011-2013

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), vinculada á Real Filharmonía de Galicia (RFG) e xestionada polo Consorcio de Santiago de Compostela, renova e amplía a súa oferta educativa coa convocatoria do Curso Avanzado de Especialización Orquestral 2011-2013. Ata o 26 de maio todos aqueles intérpretes que finalizaran os seus estudos e que queiran formarse de xeito individualizado da man dos músicos da RFG, así como de solistas de relevancia internacional, poderán inscribirse para formar parte do proceso de selección e optar ás 18 prazas que se ofertan. Ademais dos mestres titores da RFG, o curso contará con mestres visitantes instrumentais, especialistas de relevancia como Jean-Jacques Kantorow, Stefan Schilli, Alessandro Carbonare, Enrico Dindo, Ernst Weissensteiner y Rainer Seegers, entre outros. Ademais de adquirir a súa experiencia instrumental, os alumnos poderán formarse tamén a través das materias teórico-prácticas no eido social, laboral, técnico, de saúde e farán prácticas na RFG. Así, a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia vaise colocar ao nivel doutras institucións docentes europeas

 

O Plan de Estudos ofrece participacións coa Real Filharmonía de Galicia, clases individuais de instrumento a cargo dos solistas da RFG, clases de cámara, cursos, charlas e conferencias orientadas ao mundo profesional e cultural

 

“Con este curso actual finalizamos un período de trece anos que dedicamos á formación de intérpretes novos en Galicia e a partir do curso que vén, a Sección de Especialización da EAEM vai dirixir os seus esforzos cara a formación de músicos mozos titulados que teñan como obxectivo integrarse nunha orquestra profesional”, explica o xefe de estudos, Enrique Meyer Pleite. En España non existe a día de hoxe ningún proxecto educativo que se lle pareza, sen embargo no resto de Europa si existen escolas de similares características orientadas cara á profesionalización orquestral. O curso terá unha duración de dous anos, durante os cales os alumnos terán garantido un mínimo dunha ducia de participacións coa Real Filharmonía de Galicia.

A semana pasada, a Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, de quen depende esta institución, aprobou o programa docente do Curso Avanzado de Especialización Orquestral. O Plan de Estudos do curso caracterízase por estar orientado cara a unha atención persoal e individualizada xa que cada mestre-titor terá un só alumno. Así mesmo, o plan comprenderá ademais das participacións coa RFG, clases individuais de instrumento a cargo dos solistas da RFG (titores), clases de cámara, cursos, charlas e conferencias orientadas cara ao mundo profesional e cultural, explica Meyer.

 

Os alumnos recibirán clases de artistas visitantes recoñecidos entre os que destacan Jean-Jacques Kantorow, Stefan Schilli, Alessandro Carbonare, Enrico Dindo, Ernst Weissensteiner e Rainer Seegers, entre outros

 

Novidosos contidos teórico-prácticos

Adquiren unha especial relevancia, no apartado extra instrumental, os contidos relacionados cos correctos hábitos posturais, a boa disposición do corpo e a mente, así como as técnicas de concentración axeitadas para un máximo aproveitamento no estudo. Estos contidos teórico-prácticos farán especial incidencia na cultura musical, nos estamentos musicais profesionais, na temática vinculada ao ámbito profe­sional (axencias de contratación, xestión orquestral, xestión administrati­va), na saúde (técnica Alexander, técnicas de relaxación e de rende­mento no estudo) e técnicas de gravación.

Como complemento ao Plan de Estudos os alumnos terán a oportunidade de poder contar coas figuras máis representativas do panorama artístico instrumental tales como Jean-Jacques Kantorow, Stefan Schilli, Alessandro Carbonare, Enrico Dindo, Ernst Weissensteiner e Rainer Seegers, entre outros prestixiosos especialistas. O obxectivo do curso é que cada alumno reciba alomenos dúas leccións de cada un dos dous especialistas por instrumento cos que vai contar a escola ao longo do curso académico anual. Destacan outros recoñecidos músicos procedentes das mellores orquestras europeas tales como Davide Formisano, Jean Claude Gèrard, Eduardo Martínez Caballer, Wenzel Fuchs, Gabor Meszaros, Eric Terwilliger, Bo Nilson, Luis González, Alexandre Brussilovsky, Johannes Moser, Jürgen Kussmaul, Gèrard Caussé e Gustavo Gimeno.

En canto ao prazo de inscrición que xa está aberto e que se pechará o vindeiro 26 de maio, a EAEM dispuxo na súa web www.eam.es todo o proceso de inscrición, selección e admisión. Este proceso segue unhas pautas similares ao que se realiza nunha orquestra, ao ser un curso eminentemente práctico e moi especializado nunha actividade concreta, que permitirá aos alumnos adquirir un coñecemento e unha experiencia que sen dúbida favorecerá a súa futura admisión nunha orquestra.

Máis información en: www.eaem.es