A formación de música antiga La Cecchina ofrecerá un concerto na Illa de San Simón.
Florencia, outubro de 1600. Os Medici celebran no palacio Pitti as vodas de María de Médici e mais o rei Enrique IV de Francia. Para festexar o acontecemento represéntase L’Euridice, de Jacopo Peri, ante unha pequena e selecta audiencia duns 200 invitados. A noite da representación o mesmo compositor, Peri, interpreta o papel de Orfeo canda a famosa familia de músicos coñecida como os Caccini. La Cecchina é unha formación creada en 1999 no seo da Schola Cantorum Basiliensis, onde todos os seus compoñentes se especializaron en música antiga. O seu nome rende homenaxe á cantante e compositora Francesca Caccini, integrante daquela musical familia. O programa intenta recrear, mediante a música da propia familia Caccini e doutros autores da época, o ambiente festivo que debeu rodear esta celebración. A parte instrumental do programa está presidida pola que foi a melodía máis coñecida en Florencia en torno a 1600, L’aria di Firenze, tamén coñecida como Ballo del Gran Duca, obra que chegou a considerarse himno da cidade e da que existen centos de variacións escritas polos máis coñecidos compositores.
Ana Arnaz: soprano<<<
Liz Rumsey: lirone e viola de gamba<<<
María Ferré: laúde e guitarra barroca<<<
Vincent Flückiger: tiorba<<<
…domingo 24 de outubro /// Illa de San Simón, Redondela >> 19.00 horas