
A Orquestra Vigo 430 ofrecerá hoxe día 31 de outubro o segundo concerto da Temporada 2012-2013 e o segundo tamén do Programa Sinfónico de Outono. Para este segundo concerto a orquestra preparou un ambicioso programa que obras de Beethoven, Bartók, e Purcell. A execución dun programa tan audaz e esixente so será posible grazas á presenza na cidade para esta ocasión co que está considerado un dos mellores intérpretes de viola do mundo, David Quiggle. David Quiggle é un violista nado en Estados unidos, formado en Vancouver e no New England Conservatory de Boston. Recibiu formación de grandes violistas da talla de Vilem Sokol, Gwen Thompson, Stanick, Dann ou Trampler. Ao longo da súa carreira traballou como viola principal baixo a dirección das mellores batutas do mundo entre as que destacan Ozawa, Bernstein, Harding e Abbado. Son numerosos os premios internacionais recibidos ao longo da súa carreira e na actualidade podemos velo actuando con orquestras como a de RTVE, Sinfónica de Galicia, Ciudad de Granada, Leonardo Davinci de Rouen, a Mahler Chamber Orquestra ou a Sinfónica de Euskadi, de onde ven directo para a interpretación de Bartók en Vigo.
O concerto dará comezo coa abertura da primeira ópera composta por Purcell, Dido & Eneas, un fito no barroco inglés e europeo que fará que a sala do Martín Códax vibre con ímpetu preparando ao público asistente para o grande momento da temporada, o Concerto para Viola de Bartók. Quiggle executará este Concerto, unha das últimas obras do compositor e que permitirá aos asistentes gozar do virtuosismo deste intérprete sen par. Xa na segunda parte do programa a Orquestra retoma as sinfonías de Beethoven, escollendo para esta ocasión a nº 4, unha sinfonía tranquila e repousada, como soen ser as sinfonías pares deste autor.
O concerto terá lugar ás 20:30h. do mércores 31 de outubro no Auditorio Martín Codax (Conservatorio Superior de Música de Vigo -O Castro-) O prezo das entradas está entre os 9 e 10 € para as adquiridas na venda anticipada (na Central de Espectáculos -Velázquez Moreno- ata as 13h. do propio mércores) e os 11 e 12 € para as mercadas na taquilla do propio auditorio a partir das 18:30h. Ademais lembramos que existen modalidades de abono tanto para o Programa de Outono como para a Temporada completa que permitirán aos usuarios un importante aforro nas entradas así como outras grandes vantaxes entre as que destacan asegurarse unha butaca fixa no auditorio, despreocuparse da adquisición das entradas, non ter que facer colas e entrar no primeiro momento no auditorio.