Real_Filharmona_de_GaliciaEste mes de outubro a Real Filharmonía de Galicia realizará unha pequena xira por España, acompañada do seu director titular, Antoni Ros Marbà, e o cellista Enrico Dindo.

O programa do concerto, o mesmo que se interpretou en Santiago o pasado 7 de outubro, inclúe unha obra composta recentemente polo galego Juan Durán. A peza, co título Fanfarrias Xacobeas, foi composta por Durán para estrearse no Auditorio de Galicia durante o concerto do 7 de outubro e está escrita a modo de obertura festiva, en homenaxe a este ano santo. De feito, durante a execución, o público puido descubrir  melodías que recordan ao Himno Galego. O programa continúa co primeiro concerto para orquestra e violoncello, de Camille Saint-Saens, e, xa na segunda parte, coa Serenata Haffner de Mozart.

 

 

Este programa será o que a orquestra santiaguesa levará ata Pamplona (14 e 15 de outubro no Auditorio Baluarte) e Valladolid (21 e 22 de outubro no Centro Miguel Delibes), no marco da xira Orquestras do Camiño. Esta iniciativa permitirá que as orquestras sinfónicas de Navarra, Castilla y León e a Real Filharmonía de Galicia visiten cada unha os auditorios das outras. Deste xeito, o público compostelán puido asistir ao concerto da Orquesta Sinfónica de Navarra este xoves 14 de outubro, no Auditorio de Galicia.