Ros Marbà dirixe o penúltimo concerto da temporada no Auditorio de Galicia cun programa que inclúe unha das obras que a Real Filharmonía gravou haiunano para adiscográfica Warner.
En 2009 a Real Filharmonía presentaba un disco monográfico dedicado ao compositor Frederic Mompou, que incluía pezas inéditas, algunhas orquestradas polo propio director titular da orquestra santiaguesa, Antoni Ros Marbá. Marisa Martins, mezzosoprano e colaboradora habitual da Filharmonía, foi a encargada de poñer voz a unha das pezas. A elección de Martins como voz para a obra de Mompou responde a unha decisión persoal de Carmen Bravo, viúva do compositor catalán, falecida hai dous anos. O concerto deste xoves no Auditorio de Galicia propón unha destas obras, as 5 Melodías sobre poemas de Paul Valery, arranxada por Ros Marbá para orquestra.
O programa complétase, na segunda parte, co ballet completo Ma Mere l’Oye, de Maurice Ravel. O inicio do concerto estará composto por unha serie de pezas de Claude Debussy, adaptadas para orquestra por Ravel e Clapet, e que soarán coma se fosen unha única obra. Entre elas destaca o coñecido Claro de lúa.
PROGRAMA
Xoves 27 de maio de 2010, 21h. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Real Filharmonía de Galicia
Antoni Ros Marbà, director
Marisa Martins, mezzosoprano
C. Debussy, Tres versións orquestrais
Sarabande (orq. de M. Ravel)
Danse (orq. de M. Ravel)
Claire de lune (orq. de A. Caplet)
F. Mompou, Cinco melodías sobre textos de Paul Valéry (orq. de A. Ros Marbà)
M. Ravel, Ma Mère l’Oye
Prezo: 10 euros (50% de desconto para estudantes e xubilados)