A Conselleria de Cultura da Xunta de Galicia e a FGBMP asinan un convenio para a realización do IV Certame Galego de Bandas e o II Concurso de Composición.
O presidente da Federación Galega de Bandas de Música, Rubén Souto Santos, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións para a realización do IV Certame Galego de Bandas de Música e do III Concurso de Composición para Bandas de Música. En virtude deste acordo, a Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 164.000 euros para a organización e desenvolvemento destes dous eventos musicais en 2010.
A raíz desta iniciativa, Varela valorou a vitalidade das bandas de música en Galicia e o seu traballo para a difusión da cultura en toda a comunidade. Nun comunicado destacou que estas agrupacións realizan un labor “fundamental” como expresión festiva da música, “contribuíndo a que a sociedade participe e se converta en protagonista”.
A Federación Galega de Bandas de Música Populares organizará no mes de novembro o IV Certame Galego de Bandas de Música, onde poderán participar ata un máximo de 21 agrupacións. O prazo de inscripción está aberto e pechará o vindeiro día 19 de maio. As bandas seleccionadas realizarán asemade un concerto previo ao certame en distintas localidades de Galicia que se incluirá na programación do Xacobeo 2010.
Segundo o convenio firmado entre Roberto Varela e Rubén Souto Santos, a FGBMP tamén organizarán o III Concurso de Composición para Bandas de Música, no que un xurado de recoñecido prestixio de ámbito nacional e internacional avaliará todas as composicións presentadas. O concurso de composición é testemuña da calidade artística e musical dos nosos compositores e do patrimonio musical co que conta Galicia.
Este acordo supón un importante paso para a consolidación das bandas de música no panorama musical e cultural galego.