Roberto Varela e a presidenta da AGC asinaron o pasado dia 21 de xuño o acordo de colaboración para a organización de programas de cámara, de banda sinfónica e a súa edición discográfica.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a presidenta da Asociación Galega de Compositores, Margarita Mónica Viso, asinaron hoxe un acordo de colaboración que posibilitará realización e gravación conxunta do ‘Ciclo XV’. En virtude deste convenio a Consellería de Cultura e Turismo destinará 28.800 euros.
Cultura e Turismo e a Asociación Galega de Compositores desenvolverán un programa conxunto para a preparación,gravación en CD e interpretación de tres concertos en tres cidades diferentes da xeografía galega, incluíndo por primeira vez, ademais de programas de cámara, un programa para banda sinfónica e a edición discográfica de todos eles.
Os tres programas deste ‘Ciclo XV’ están integrados unicamente por obras dos membros da Asociación, algunhas delas estreas absolutas. O programa A inclúe obras para banda sinfónica, o programa B para cuarteto de corda e o programa C composicións para diversas formacións de cámara. A interpretación de cada un deles será a cargo de destacados conxuntos galegos.
Os programas serán realizados por un equipo de profesionais e dirixido pola Asociación Galega de Compositores, baixo as ordes de Paulino Fernando Pereiro, que ademais actuará como representante da Asociación e interlocutor coa a administración galega. A Consellería de Cultura e Turismo participará no deseño do programa e presentará o asesoramento técnico, ao longo do seu desenvolvemento. A Comisión Mixta, integrada por representantes das dúas institucións, elixirá as cidades nas que se realizarán os concertos, así como un seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do presente convenio.
Manter a memoria dos compositores históricos
A Asociación Galega de Compositores nace en A Coruña o en xuño de 1987 e integra a compositores e compositoras nados en Galicia ou residentes nela. Esta asociación sen ánimo de lucro ten como obxectivo defender os intereses grupais dos compositores galegos ou residentes en Galicia e aqueles aspectos da nosa cultura musical que repercutan no desenvolvemento da súa traxectoria, así como manter a memoria dos compositores históricos de Galicia, de quen son continuadores.
Dende a súa fundación, a AGC mantén tres liñas de actuación: procurar a interpretación, gravación e publicación das creacións dos seus membros, así como dos compositores históricos galegos. Paralelamente, a AGC colabora ou participa en actividades organizadas por outras asociacións ou entidades como a súa participación nas III, IV e VI Xornadas de Música Contemporánea celebradas en Santiago de Compostela en 1989, 1990 e 1992 respectivamente. Asemade, tamén interveu en 2003 na organización do maratón musical “Os músicos coruñeses coa marea negra”, e apoiou as recentes homenaxes realizadas en 2008 aos compositores Enrique Macías e Manuel Balboa. Por último a iniciativa da AGC realízase en 2005 o Ciclo Arquivo Canuto Berea da Deputación Provincial da Coruña que incluía composicións dos compositores históricos galegos e contemporáneos.
Durante os anos 2007 e 2008, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación encarga a AGC a elaboración de obras destinadas á docencia musical para diferentes niveis. En decembro de 2008 a AGC organiza co patrocinio da Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña un concerto baixo o título “Música Galega sobre poemas galegos” que inclúe composicións para voz e piano sobre textos en lingua galega de poetas de diferentes épocas aos que poñen música compositores e compositoras da AGC.
Entre todas as actividades levadas a cabo directamente pola AGC destaca pola súa continuidade e relevancia a organización dos Ciclos de Cámara. A programación dos mesmos inclúe fundamentalmente obra dos compositores asociados, que de ser o caso completouse con creacións de autores dos século XX ou do nacionalismo galego. Dende 1988 e ata o momento desenvolvéronse XIII Ciclos de Cámara. O último destes ciclos celebrado en febreiro de 2009, adicouse en homenaxe a Carlos López García-Picos compositor nado en Betanzos en 1922 que desenvolve a maior parte da súa careira compositiva en Arxentina; precisamente o seu regreso marca o inicio da andaina da AGC da que foi membro fundador e o seu primeiro presidente.
Fonte: Consellería de Cultura