Cultura e Turismo apoiará con 80.000 € o programa de concertos da Orquesta Gaos
O conselleiro Roberto Varela e o presidente da Asociación Cultural Orquestra Gaos, Marcos Seoane, asinaron o pasado 3 de Xuño en Santiago de Compostela, o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 80.000 euros para a realización do programa de concertos da formación nas principais cidades de Galicia durante 2010. A través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Consellería de Cultura e Turismo apoiará a actividade da Orquestra Gaos en recoñecemento ao importante papel na formación e potenciación de novos artistas galegos no eido da música clásica. Este acordo enmárcase no obxectivo común de desenvolvemento, mellora e difusión da nosa cultura, tanto na propia comunidade como cara ao exterior.
En virtude deste acordo, un equipo de profesionais da Asociación Cultural Orquestra Gaos e da Consellería de Cultura e Turismo traballarán conxuntamente no deseño do programa e organización dos concertos. As actuacións itinerarán polas principais cidades galegas e serán gravadas en formato CD.