O conselleiro de Cultura e Turismo presentou no Gaiás o disco gravado pola soprano Cristina Gallardo-Domás coa Orquestra Gaos.
O proxecto, editado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia, xurdiu o pasado ano no marco da celebración do Xacobeo Classics e foi gravado no Centro Mans da Coruña. O novo rexistro presentado hoxe incorpora pezas de Juan Montes, Pascual Veiga, Juan José Castro (Chané), Marcial del Adalid, Andrés Gaos o Luis Taibo, entre outros, con arreglos do compositor Juan Durán. No acto de presentación participaron asemade a soprano chilena Cristina Gallardo-Domás; a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera; o director da Orquestra Gaos, Fernando Briones; o compositor Juan Durán, o director artístico do ciclo Galica Classics, César Wonenburger e o director de proxectos da Fundación Paideia, Guillermo Vergara.
Na presentación de Lela, o conselleiro Roberto Varela describiu o disco como un recompilatorio que se suma á celebración do Ano da Música de Galicia con “14 temas que describen unha traxectoria que vai desde a canción culta galega até aquela de raíz máis popular, todas elas cancións que estiveron no bico de milleiros de nós, así como dos nosos pais e avós”. Segundo o conselleiro, o proxecto contribuirá á proxección internacional “da nosa música” a través da voz de Gallardo-Domás, “excelentemente acompañada pola Orquestra Gaos, unha agrupación musical na que se congrega unha parte dos nosos músicos máis novos e con maior proxección”. Roberto Varela enxalzou a figura da soprano destacando a súa “forza, paixón e expresividade vocal” así como “a súa interpretación desta escolma que fan do traballo presentado algo digno de ser escoitado”. “Moitos gozarán lembrando pezas que forman parte da súa vida e, outros moitos, coñecendo a fermosa tradición musical de Galicia”, asegurou.
Para o conselleiro Roberto Varela, neste recompilatorio “están presentes autores esenciais para a historia musical de Galicia, como son Marcial de Adalid, Juan Montes, Pascual Veiga, ‘Chané’, José Baldomir, Andrés Gaos, Luis Taibo ou o propio Juan Durán”. O conselleiro sinalou do mesmo xeito que “as letras de escritores e escritoras como Rosalía, Curros, Fanny Garrido, Castelao, Celso Emilio Ferreiro ou Miguel Anxo Fernán-Vello non desmerecen e, máis ben, completan e redondean o tándem creativo”.
Do mesmo xeito, Roberto Varela fixo na súa intervención unha chamada a todos os galegos para que “participemos da nosa cultura, para que accedamos e utilicemos as distintas infraestruturas culturais do país e que gocemos e tiremos proveito dunha programación e duns produtos e servizos culturais que grazas á suma do conxunto de axentes, actores e programadores culturais, así como das distintas administracións. Institucións e empresas, en Galicia é unha programación ampla, plural e atractiva”.
Proxección internacional
As cancións de Lela pasarán a formar parte do repertorio dunha das mellores sopranos do noso tempo, habitual de todos os grandes teatros e festivais internacionais, desde Salzburgo ata La Scala de Milán. Nacionalizada española, Cristina Gallardo-Domás estudou primeiro en Chile e logo en Nova York, antes de converterse na mellor intérprete de Puccini da actualidade. A súa convincente actuación en Madame Butterfly, dirixida polo falecido Anthony Minghella no Covent Garden de Londres, valeulle o premio Laurence Olivier. Traballou e gravou con todas a grandes batutas, de Riccardo Muti a Nikolais Harnoncourt, de Lorin Maazel a Riccardo Chailly, e ten participado en festivais como o de Salzburgo. A isto hai que engadir que Woody Allen fixo o seu debut como director de ópera con ela, en Gianni Schichi.
As cancións que aparecen no disco son: Lela, Soedades, Cantiga, Os Teus ollos , Un Adiós a Mariquiña, Negra Sombra, Vai lavar la cara, Lonxe da terriña, Rosa de Abril, Maio Longo, Maria Soliña, Alborada, Bastabales e O limite increado do mundo. O disco sae hoxe á venda e será distribuído polo Selo Verso, un dos máis prestixiosos de cantos se adican á musica clásica en España.
Na súa descrición deste traballo, o compositor vigués Juan Durán escribe:
“Mergullarse na produción da nosa cantiga lírica é entrar nun mundo propio onde a musicalidade da poética galega atopa a súa maridaxe coa escrita musical. As cancións galegas defínense por sí mesmas e só é necesario deixarse levar polo intrínseco sentimento evocador que provocan. Velaí tantas melodías que forman parte da intrahistoria emocional dos galegos, nas que se caracteriza grande parte da súa idiosincrasia como pobo.
Facer unha escolma destas cancións é unha decisión frustrante, xa que necesariamente non poderán estar nela todas as que teñen méritos de abondo. Trátase só dunha proposta limitada, pero dunha proposta selecta, para achegármonos a aquelas cancións que constitúen a representación dun xénero perfectamente identificable, polo seu substrato cultural, como a música desta terra.
Alá, impregnadas na nosa memoria colectiva, están as cancións de bastantes dos autores que conforman esta gravación. Por antigüidade e por ser o pai de todos os demais, debemos referirnos en primeiro lugar a Marcial del Adalid (A Coruña, 1826-1881), autor de Soedades, quen dedicou grande parte da súa produción á composición de cancións, destacando os Cantares viejos y nuevos de Galicia, sobre poemas da súa dona, Fanny Garrido.
Malia ser certo que Adalid ten un valor histórico e artístico que o converte no referente para o xénero liederístico en Galicia, non é menos certo que ningún autor galego tivo a popularidade que alcanzou Juan Montes (Lugo, 1840-1899). A súa Negra sombra é, sen dúbida, a máis emblemática das cancións galegas. Montes conseguiu ensamblar maxistralmente o enigmático texto de Rosalía de Castro cun alalá recollido no Incio (Lugo). A versión orixinal foi presentada na Habana en 1892. A presente versión intenta ser o máis respectuosa posible coa edición para piano feita por Canuto Berea, incluíndo, na sección central, parte do arranxo para coro que fixera Nemesio Otaño.
Lonxe da terriña é a outra canción de Montes que se inclúe neste CD. A presente versión está bastante retocada respecto do orixinal no que atinxe ao acompañamento orquestral, porque, aínda que a liña vocal ten o sabor melancólico que o poema lle pide, o acompañamento resultaba susceptible de ser desenvolvido, conforme o espírito nostálxico desta canción.
Outro compositor lucense é Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842 – Madrid, 1906), quen ten o lugar que lle corresponde na música galega por ser o autor do Himno Galego. O himno, xunto coa Alborada que se inclúe neste CD, son as dúas obras máis difundidas deste autor. Esta peza, tamén coñecida como Alborada Galega e incluso como Alborada de Veiga, é comunmente interpretada na súa versión para banda, e poucas veces co exultante texto de Francisco María de la Iglesia. Nesta versión cantada están eliminadas certas repeticións, manténdose en todo momento a énfase no seu carácter tan vital como luminoso.
Un autor que non podía faltar é Juan José Castro “Chané” (Santiago de Compostela, 1856 – A Habana, 1917). Por isto, inclúense na presente gravación tres cancións da súa autoría: Cantiga, Os teus ollos e Un adiós a Mariquiña, todas elas escritas sobre textos de Manuel Curros Enríquez. Estamos diante do compositor de maior comunicabilidade co público. A difusión das súas cancións, en todos os tipos de formatos e en tan variadas versións, chegan ata crear anécdotas curiosas, como é o caso da Cantiga. Esta canción é coñecida en realidade por Unha noite na eira do trigo, cando o primeiro verso da canción é No xardín unha noite sentada. Unha situación típica da música popular, que neste caso referenda a súa dimensión de pezas amplamente difundidas.
Galicia ten unha débeda con José Baldomir (A Coruña, 1867-1947), compositor que representa o cumio da escritura do lieder galego. Discípulo de Torres Adalid, ten no seu haber cancións tan coñecidas e admiradas como Meus amores, A un batido, Como foi… Este Maio longo, con texto de Rosalía de Castro, que aquí se presenta, é unha fermosísima canción chea de evocación e dozura.
Rosa de abril, de Andrés Gaos (A Coruña, 1874 – Mar del Plata, Arxentina, 1959) foi, orixinariamente, unha breve peza para piano á que se lle incorporou posteriormente un texto de Rosalía de Castro. A que se considera a derradeira peza de Gaos coñeceu versións instrumentais, vocais e corais de toda índole.
Se de Gaos temos abundante información e mesmo é un autor que se programa con bastante asiduidade, moi pouco sabemos de Luis Taibo, autor de Bastabales, con texto de Rosalía de Castro. Taibo foi músico e médico, e pasou grande parte da súa vida en México. Hai constancia dun himno galego escrito con Alfredo Brañas, así como distintas pezas para formacións corais, vocais e camerísticas. Pero o que non ofrece dúbida é a calidade desta canción, na que o autor acode á recorrencia das campás a partir dun texto que ten alentado distintas composicións.
A presenza neste CD de compositores galegos débese ver tamén no gusto que estes teñen pola elección de textos de sobranceiros poetas, que representan o mellor da nosa lírica. Miguel Anxo Fernán-Vello, un poeta actual que é xa un clásico das nosas letras, púxolle texto á cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz. A obra foi escrita en 1999 como encargo da Orquestra Sinfónica de Galicia para conmemorar o cambio de milenio. Aquí escóitase o número IV desta cantata: O límite increado do mundo.
E para rematar, nunha escolma de cancións galegas non podía faltar a presenza da música máis popular: Vai lavar a cara, canción coñecida por diversos títulos, con versións fundamentalmente corais pero tamén de tipo instrumental, que presenta un ritmo de xota dotado dunha fresca e vertixinosa prosodia. María soliña, co fermoso texto de Celso Emilio Ferreiro, sobre a triste historia do personaxe real de María Soliño, que ten inspirado moi distintas versións. Esta canción, con música de Antonio Paz Valverde, semella ser a máis popular, logo de coñecer as versións de músicos como Carlos Núñez.
Finalmente, Lela, que dá título a este CD, foi canción cantada por tunos e, nos últimos anos, por grandes nomes da música popular como Dulce Pontes ou María do Ceo. A letra é de Castelao, tomada da obra teatral Os vellos non deben de namorarse. A música de Rosendo Mato Hermida foi escrita para a estrea española da obra, o 25 de xullo de 1961 en Santiago de Compostela. Fronteiriza entre o culto e o xénero popular, posúe un innegable encanto melódico que a fai atractiva para o canto lírico”.