O xurado do IV Concurso Galego de Composición decidiu esta tarde as obras gañadoras desta edición.
O xurado do IV Concurso Galego de Composición, composto por Juan Durán Alonso, Carlos Seráns Olveira e Juan Manuel Eiras Tojo, e no que actuou coma secretario Rafael Collazo, decidiu esta tarde no Auditorio de Galicia que as obras Na Galiza, Camiños da Fin da Terra e Noite de Defuntos foran as pezas gañadoras desta edición.
Na primeira categoría, sección sinfónica, o primeiro premio dotado con 4.000 € recaeu na obra Na Galiza, de Paulino Pereira Martínez. O xurado destacou del o “seu achegamento ó folclore galego cun tratamento sinfónico” destacando tamén “o importante traballo compositivo” que se aprecia na obra, segundo palabras de Juan Durán. O finalista desta categoría foi Víctor Enguídanos Royo coa súa obra O misterio do Castelo de Pambre que recibirá un premio dotado con 800€.
Na segunda categoría, banda de concerto, o primeiro premio de 2.500€ caeu nas mans de Antón Alcalde Rodríguez e a súa obra Camiños da Fin da Terra. O finalista desta categoría foi Santiago Quinto Serna con Espírito Galego que recibirá un premio de 500€.
Antón Alcalde Rodríguez repetiu posto na terceira categoría, obtendo o primeiro premio, dotado tamén con 2.500€, coa súa obra Noite de Defuntos. Juan Durán, un dos membros do xurado, destacou de Antón Alcalde a súa creatividade, afirmando que “xa non é unha nova promesa senón un referente”. A obra finalista desta categoría foi A Batalla de Elviña, de Manuel Alejandro López Martínez, que recibirá un premio de 500 €.