A orquestra interpretará obras de Dutilleux, Saint-Saëns, Mozart e Bach
A Fundación Caixa Galicia patrocina o concerto que a Real Filharmonía Galega ofrecerá o vindeiro
venres, día 26 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol. As invitacións para asistir a
este concerto pódense retirar xa na sede da Fundación Caixa Galicia na Praza da Constitución e no
despacho de billetes do Teatro Jofre.
Baixo a dirección do mestre Christoph König e co violinista Stefan Jackiw como principal solista,
a orquestra galega ofrecerá un programa que inclúe pezas de Henri Dutilleux (o ‘Mystère de
l’instant’), Mozart (o ‘Concerto para violín número catro en re maior’), Bach (a ‘Ofrenda Musical,
BWV 1079’) e Camille Saint-Saëns (a ‘Sinfonía núm. 2 en la menor, op. 55’).
O recital do vindeiro venres será unha magnífica oportunidade para gozar dun dos instrumentistas
máis prometedores da música culta internacional, Stefan Jackiw, que aos seus 25 anos ten
conquistado boa parte da crítica internacional.
De orixe coreana e alemá, solista habitual das orquestras de maior renome dos Estados Unidos,
Jackiw é eloxiado pola pureza do seu son, a beleza do timbre e a súa impecable técnica, cunha
madurez moito máis aló da súa idade. Naceu en 1985 e comezou os seus estudos de violín aos
catro anos, cos profesores Zinaida Gilels, Michèle Auclair e Donald Weilerstein. En 2002 recibiu a
prestixiosa bolsa do Avery Fisher Career.
O VIOLINISTA STEFAN JACKIW SERÁ O SOLISTA
Aos 14 anos, Jackiw fixo un sensacional debut coa Orquestra Filharmónica no Royal Festival Hall,
unha interpretación de Mendelssohn que “conquistou ao mundo da música de Londres”(segundo
The Strad). Deu concertos por toda Europa coa Orquestra Sinfónica Alemá de Berlín, a Real
Orquestra Filharmónica de Liverpool, a Sinfónica de Bournemouth, a Orquestra do Maggio Musicale
Fiorentino e a Filharmónica de Estrasburgo.
En 2002, Jackiw debutou coa Sinfónica de Baltimore, da que é convidado habitual, baixo a dirección
de Temirkanov, e xuntos realizaron unha xira por Xapón. Ademais, actúa frecuentemente coa
Sinfónica de Seattle e ofreceu concertos noutras cidades norteamericanas, coa Filharmónica de
Nova York e as orquestras de Cleveland, Boston, San Francisco e Chicago, e colaborou cos directores Sir Andrew Davis, Ludovic Morlot, James Gaffigan, Andris Nelsons, Hannu Lintu, Gunther Herbig ou
Hans Graf, entre outros.
Stefan Jackiw ofreceu un recital no Festival de Música Schleswig-Holstein, acompañado ao piano
por Christoph Eschenbach, e outros no Louvre de París, no Festival de Ravinia, no Boston Celebrity
Series, no Moma de Nova York e na inauguración do Zankel Hall no Carnegie Hall de Nova York.
Jackiw é membro fundador do Tessera Quartet, formado baixo a tutela do Cuarteto de Cordas
Juilliard.
Na pasada temporada destacou a súa participación nos concertos de abono da Orquestra de
Filadelfia e a Sinfónica de Toronto, as sinfónicas de Cincinnati, Pittsburgh e Oregón e unha xira polos
Estados Unidos coa Orquestra Nacional de Rusia.
Christoph König, director
Pola súa banda, Christoph König é un director de grande intelixencia e musicalidade. Desde 2009 é
Director Titular da Orquestra Nacional do Porto e recentemente foi nomeado Director Musical da
Orquestra de Solistas Europeos de Luxemburgo. Na sua segunda temporada en Porto interpretou
as primeras tres sinfonías de Mahler e obras de Bruckner, Strauss e Ravel, así como un amplo
repertorio contemporáneo que inclúe obras de Henze, Saariaho e Pintscher. O pasado setembro
abriu a temporada do 10 º aniversario da orquestra cunha interpretación da ‘Sinfonía núm. 1’ de
Mahler no Konzerthaus de Viena.
König é moi solicitado como director convidado en toda Europa e América. O seu debut a pasada
temporada en EE.UU. coa Sinfónica de Nova Jersey e a ‘Sinfonía núm. 5’ de Mahler desembocou en
novos compromisos coas orquestras de Indianápolis, Colorado, Fénix, Vancouver ou Houston.
Christoph König foi Director Titular da Sinfónica de Malmö dende 2003 ata 2006 e Principal Director
Invitado da Filharmónica de Gran Canaria. Dirixiu a Sinfónica de Malmö en versións en concerto
de ‘Madama Butterfly’ e ‘Os mestres cantores de Núremberg’. A súa reputación como director de
ópera aumentou rápidamente tras dirixir en 2003 a produción de ‘O rapto no serrallo’ de Jonathan
Millar na Ópera de Zúrich. Tamén alí dirixiu ‘A frauta máxica’ e ‘O Turco en Italia’ con Cecilia Bartoli
e Ruggero Raimondi. Outras producións dirixidas por König inclúen ‘O rapto no serrallo’ no Teatro
Real de Madrid, ‘Don Giovanni’ na Staatsoper de Stuttgart e ‘A frauta máxica’ e ‘Rigoletto’ na Ópera
Alemana de Berlín.
König naceu en Dresde, onde cantou no famoso Kreuzchor. Estudou dirección orquestral, piano
e canto na Escola de música da súa cidade natal. Nos seus comezos como director asistiu a clases
maxistrais, entre outros, de Sergiu Celibidache, Wolf-Dieter Hausschild e Sir Colin Davis, quen
o convidou a traballar como director asistente en varios concertos e producións de ópera coa
Sächsische Staatskapelle de Dresde. Comezou a súa carreira profesional como Primer Kapellmeister
en Wuppertal / Gelsenkirchen.